Nova vitoria do Grupo Lemaco “A” en Redondela
12ª Xornada da Liga Ouro Cadete Masculino
Sar Redondela 34 – Grupo Lemaco Xiria A 40 (16-20)
O Grupo Lemaco A disputou a domicilio o seu partido diante da Sar. Os axustes defensivos da defensa 6:0 coa que saíron os carballeses de inicio non resultaron efectivos, a Sar marcaba con facilidade e o Xiria non dominaba o partido. O troco a unha defensa 5:1 profunda, permitía frear a circulación do contrario e ir podendo apremar sobre o balón, na primeira metade o equipo xa dominaba e daba sensacións óptimas de facerse cos dous puntos en xogo. Na segunda metade, si ben o Grupo Lemaco desperdiciou moitos dos lanzamentos claros no ataque, foi quen de manter diferenzas e facerse folgadamente coa vitoria.
O Grupo Lemaco “B” gaña ao Camariñas
11ª Xornada da Liga Prata Cadete Masculino
Balonmán Camariñas 31 – Grupo Lemaco Xiria B 37 (16-19)
Bo partido do Grupo Lemaco B que controlou ao seu rival dende o asubío inicial e foi impoñendo o seu ritmo de partido o longo dos 60 minutos. Chegaban os carballeses con máis folgura diante da portería rival logo de mover con criterio e continuidade o balón, as imprecisións do Camariñas ante a presión defensiva do Xiria aportaba balóns para a saída a contra e ir abrindo distancia no marcador. Xogou comodamente a segunda metade o Grupo Lemaco ao ver que era capaz de transformar en gol case cada ataque.