Novas demostracións dos oficios artesanais en escolas de Santiago e Mazaricos

3 minutes read

A Fundación Artesanía de Galicia continúa desenvolvendo o programa de divulgación dos oficios artesanais Artesanía na escola, con novas demostracións en Santiago de Compostela e Mazaricos. Así, o artesán Xosé Manuel Sanín —protagonista da segunda das unidades didácticas deste proxecto, Eu son artesán de percusión tradicional—estivo este venres primeiro no CEIP compostelán Monte dos Postes, para amosarlle ao alumnado de Primaria o oficio da construción de pandeiretas. Posteriormente, achegouse ata o CEIP Víctor Sáenz de San Cosme de Antes.

A Fundación Artesanía de Galicia impulsa desde o ano 2023 este programa de divulgación co obxectivo de achegarlles os oficios artesanais e os valores da artesanía aos nenos e nenas de colexios de toda Galicia. Os seus obxectivos son divulgar os oficios artesanais que son patrimonio cultural e tamén sector económico, poñer en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos, divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea. Tamén transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular así como, a longo prazo, atallar a remuda xeracional nos oficios artesanais.

O proxecto consiste na creación de diferentes unidades didácticas monográficas sobre oficios artesanais —poñendo especial atención nos máis tradicionais— e nas que se inclúen unha unidade didáctica en papel que se lle envía aos centros participantes e fichas en formato dixital para poder traballar cos alumnos. Cada unidade didáctica fala dun oficio concreto a través da traxectoria dun artesán ou artesá, co obxectivo de facilitarlle ao alumnado a comprensión do tema ou a ampliación de información, e tamén coa intención de que eses profesionais da artesanía poidan visitar algúns dos centros que están a participar no programa.

Artesanía na escola comezou con Eu son zoqueira, unha unidade didáctica dedicada ao oficio dos zoqueiros, a través da figura de Elena Ferro, responsable do taller Eferro (Merza, Vila de Cruces), un obradoiro familiar activo desde o ano 1915 e que viu recoñecida a súa traxectoria co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019. Elena Ferro destaca polo seu traballo cun produto característico da tradición rural como son os zocos de madeira. Esta artesá conseguiu un cambio no valor de uso deste calzado de traballo, outorgándolle un novo significado a este produto e reinventándoo como complemento de moda con constantes innovacións en deseños, materiais e cores.

Pola súa banda, Xosé Manuel Salvado Sanín, do obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela), é o protagonista da segunda das unidades didácticas de Artesanía na escola. Eu son artesán de percusión tradicional está centrada na historia e elaboración dun dos instrumentos máis tradicionais de Galicia, a pandeireta.

A Fundación Artesanía de Galicia está a traballar xa na terceira das unidades didácticas, Eu son artesán de figuras de pan, centrada na elaboración dos tradicionais amuletos de miga de pan típicas de Santo André de Teixido (Cedeira), os sanandresiños, moldeados con fariña e pintados á man a través do artesán Jorge Bellón (Cedeira) e en breve comezarase coas primeiras demostracións en centros de ensino.