A Xunta de Goberno Local aprobou na súa última sesión ordinaria un total de 17 licenzas urbanísticas, varias delas relacionadas con actividades empresariais. En concreto, na listaxe figuran catro novas naves no polígono industrial de Bértoa para empresas dos sectores da construción, as enerxías renovables e os servizos agrícolas, ademais do acondicionamento dunha parcela para xestión de residuos e da ampliación do parque comercial A Revolta para a apertura de dous novos locais, un de 240 metros para ocio e restauración e outro de 580 para comercio. O investimento achégase aos dous millóns de euros.
O resto das licenzas teñen vinculación do sector inmobiliario: reforma dun local en planta baixa na rúa Vitoria para reconvertelo en vivenda, a rehabilitación dun edificio de vivendas na rúa Doutor Fleming ou a construción de novas vivendas unifamiliares en Mirón ou O Piñeiro de Verdillo, entre outras.
Na sesión tamén foi aprobado de xeito definitivo o proxecto de expropiación polo procedemento de taxación conxunta para a obtención de viario na rúa Emilio González López. O Concello de Carballo convoca aos titulares dos bens e dereitos afectados para o día 27, ás 11.00 horas, na casa do concello. A superficie total a expropiar é de 623 metros cadrados, valorados en 157.658,49 euros.