Novas vitorias dos equipos do Grupo Lemaco A e B


Superioridade do Grupo Lemaco “A” ante o Carballal

6ª Xornada da Liga Ouro Cadete Masculino

Footplus Carballal 16 – Grupo Lemaco Xiria A 35  (8-19)

Na sexta xornada o Grupo Lemaco desprazábase a Vigo a medirse diante do Carballal, saída sempre difícil a do pavillón do Cabral, pero desta vez a superioridade douse no encontro dende o primeiro minuto.

A defensa 6:0 dos carballeses funcionou a perfección e pouco permitía ao xogadores vigueses, tan so algunha concesión tras combinacións ao límite do pasivo, pois as más das veces o Xiria conseguía o balón e saír con rápidas contras.

Tampouco o Carballal puido conter o ataque do Grupo Lemaco en posicional, con boa selección de lanzamento e combinación ata conseguir espazos de penetración a portería contraria.

Vitoria folgada e a agardar o derradeiro partido do ano dentro de dúas semanas tamén en terras viguesas diante do Reconquista.

O Grupo Lemaco “B” gaña ao Ribadosar cun gran partido

6ª Xornada da Liga Prata Cadete Masculino

Grupo Lemaco Xiria B 45 – Bm. Ribadosar 17  (19-8)

O Grupo Lemaco B fixo este domingo o mellor partido da tempada, os xogadores estiveron inmensos ante un Ribadosar que se viu desbordado dende o asubío inicial.

Fortes e infranqueables na defensa e contundentes no ataque, foron un rodillo diante do rival, que se viu sorprendido e por veces acurralado ante o bo facer dos carballeses.

A mellor disposición sobre o terreo de xogo e a maneira de finalizar con precisión cada ataque foron marcando diferenzas dende os primeiros minutos, o Xiria tiña maior ambición, e corría as contras para marcar e definir o partido ao seu favor.

A melloría do equipo viuse dende a portería ata a finalización dende os extremos e pivotes neste partido, o Grupo Lemaco B sitúase segundo na clasificación da Liga Prata e aspira a dar alcance ao Balonmán Atlántico actual líder.