A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuníronse por videoconferencia con responsables dos 14 centros de información á muller (CIM) entre os que están os de Bergantiños-Costa da Morte, para abordar as novidades que incluirá a próxima convocatoria de axudas dirixidas a apoiar a súa actividade.
Segundo destacaron en 2021 esta liña de achegas terá entre as principais vantaxes que pasarán a ser subvencionables a totalidade dos gastos do persoal dos CIM, que inclúen as retribucións íntegras e a cotización á Seguridade Social a cargo das respectivas entidades locais.
A reunión serviu para coñecer as propostas e necesidades formuladas desde os centros e avaliar o funcionamento do Plan de reforzo de atención ás vítimas de violencia de xénero posto en marcha polo Goberno galego para garantir todos os recursos a aquelas mulleres que o precisen durante a pandemia.
Nesa liña, destacaron o papel dos CIM, nos que se proporciona asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e sociolaboral ás mulleres que poden ser vítimas da violencia de xénero ou a outras mulleres que polas súas circunstancias demandan a súa atención. Os CIM desta comarca están situados nos concellos de Carballo, Cee, A Laracha, Muxía e Zas.
O programa de axudas aos CIM inscríbese nunha convocatoria máis ampla para promover medidas en materia de igualdade en colaboración coas entidades locais, que o ano pasado supuxeron un investimento total de 316.000 euros na comarca de Bergantiños-Costa da Morte.