Novo apoio ao Xacobeo 2021 tras un acordo de patrocinio con R

1 minutes read

En virtude deste pacto, a empresa R comprométese ata o vindeiro 2022 a divulgar e apoiar a celebración a través de soportes ou espazos da súa titularidade. Pola súa banda, o Goberno galego incluirá a R como un dos patrocinadores oficiais desta celebración nas actividades deportivas, lúdicas e musicais vinculadas ao Ano Santo.

O conselleiro de Cultura e Turismo salientou a importancia de sumar a unha firma como R, “cun importante prestixio e unha sólida traxectoria”, á lista de empresas comprometidas co Xacobeo 2021 grazas ao sistema de patrocinios ligados a este evento. Do mesmo xeito, subliñou que se trata dun dos primeiros acordos asinados tras a crise sanitaria, o que demostra o crecente interese da iniciativa privada á hora de apoiar este evento.

Neste sentido, Román Rodríguez destacou a importancia de potenciar a colaboración público-privada á hora de impulsar un evento desta magnitude, que debe exercer como un dos piares da reactivación de toda a economía galega, especialmente tras o impacto ocasionado a causa da crise da covid-19.

Pola súa banda, Isidro Fernández de la Calle subliñou que con este patrocinio, en R “ratificamos o noso compromiso permanente con Galicia e coa administración autonómica para desenvolver accións que poñan en valor o acervo cultural e social de nosa terra. Nesta ocasión, o Camiño de Santiago, primeira e principal ruta espiritual e cultural de Occidente e Patrimonio da Humanidade. Grazas á sociedade galega e á confianza de nosas clientas e clientes podemos achegar valor a Galicia colaborando agora no desenvolvemento e divulgación das actividades do Xacobeo 2021 a través da Xunta”.