A asociación FEGADACE impartirá un curso sobre alimentación e deglución para persoas con dano cerebral adquirido para o alumnado do ciclo de atención a personas en situación de dependencia no que se ofertan prazas libres para traballadoras e familiares da comarca.
O IES Eduardo Pondal de Ponteceso acollerá na súa biblioteca o luns 26 de febreiro de 9:30 a 14 horas o curso ‘ALIMENTACIÓN, NUTRICIÓN E DEGLUTICIÓN. ABORDAXE NO DANO CEREBRAL ADQUIRIDO’. É unha formación impartida polas logopedas e terapeutas ocupacionais de FEGADACE, e ten unha duración de 4:30hs.
Do mesmo xeito que fixeran coa anteriores formacións, estará organizada en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns polo que todas as persoas asistentes recibirán un certificado.
O dano cerebral adquirido é a discapacidade resultante dunha lesión no cerebro causada, na maioría dos casos, por un ictus ou un traumatismo cranioencefálico. Afecta a unhas 35.000 persoas en Galicia (según a propia Federación Galega de Dano Cerebral).
Co dano cerebral adquirido perde sentido falar de discapacidade física, psíquica ou sensorial: son moitas secuelas ao mesmo tempo, e preséntanse en diferentes graos e intensidades segundo a persoa. As secuelas do dano cerebral son diferentes e heteroxéneas, e xeran distintos tipos e niveis de discapacidade segundo a persoa e a lesión. De aí que sexa moi importante ter unha formación ampla sobre os posibles coidados que poden precisar as persoas que sofren este tipo de consecuencias..
Xa é o segundo curso que se realiza no IES Eduardo Pondal para afondar na formación do alumnado do ciclo de atención á dependencia, e coma sempre, tentan abrir as actividades á veciñanza que adica o seu tempo aos coidados, sexa como profesión ou como axuda a algún familiar.
«Queremos seguir sendo un centro que ofreza actividades de interese a toda a comunidade que se encarga dos coidados á dependencia na Costa da Morte, mantendo canles de comunicación e abrirnos á comunidade brindando un beneficio na contorna bergantiñá», afirman dende o centro.