Novo impulso ao turismo de Cabana coa rehabilitación da vía do Rego dos Muíños

1 minutes read
  • O Concello iniciará en breve o proceso de licitación tras recibir a autorización pendente da Deputación

Cabana executará proximamente unha rehabilitación integral no percorrido do Rego dos Muíños. O proxecto, financiado a través do POS+2021 da Deputación da Coruña, contempla o acondicionamento xeral da ruta, un traxecto composto por tres quilómetros e que tamén forma parte do Camiño dos Faros. O obxectivo da intervención é «dar un novo impulso á senda e seguir incrementando o seu gran potencial turístico», sinalan desde o goberno local.

O Concello estivo á espera da aprobación de Augas de Galicia desde o ano pasado para darlle luz verde á actuación. Esta semana recibiu a última autorización pendente, neste caso da Deputación, para iniciar o proceso de licitación.

Segundo explicou o alcalde de Cabana, José Muíño, a conservación e posta en valor do Rego dos Muíños «constitúese como unha peza fundamental dentro dos plans de promoción etnográfica e paisaxística municipais».

En marzo do 2021, como consecuencia do paso da borrasca Karim, o Concello de Cabana executou un plan de arranxos con carácter urxente debido aos danos que sufriu a senda. Con esta nova actuación que se licitará nos vindeiros días búscase potenciar definitivamente o percorrido, que nos últimos anos está a rexistrar un importante incremento de camiñantes.