Novo impulso para a posta en valor do Muíño de Mareas de Cereixo, en Vimianzo

3 minutes read

A Xunta de Galicia autorizou a concesión que permitirá converter o muíño de mareas de Cereixo, en Vimianzo, nun museo etnográfico, o que, segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, suporá o primeiro cambio de uso dun dos elementos incluídos no Catálogo de bens de valor cultural no litoral.

A conselleira, que visitou este inmoble acompañada da alcladesa Mónica Rodríguez, salientou que a autorización que publicaba este xoves o Diario Oficial de Galicia para ocupar 201,55 metros cadrados en dominio público marítimo-terrestre (DPMT) é o primeiro paso para poñer en valor este elemento patrimonial. De feito, o obxectivo que motivou a elaboración do Catálogo de bens de valor cultural no litoral foi posibilitar o cambio de uso de edificacións litorais que xa non cumpren coa función orixinal para a que foron construídos e evitar o abandono do patrimonio costeiro.

Nesa liña, Ángeles Vázquez subliñou que o Catálogo supón un “salto cualitativo” na xestión do patrimonio cultural costeiro xa que se configura como un instrumento clave para identificar, conservar e revitalizar os bens que inclúe. Cómpre lembrar que o Catálogo integra un total de 2.003 bens culturais de diversa tipoloxía, dos que máis da metade poderían ter novos usos. Todos eles están xeorreferenciados e documentados con información detallada e imaxes.

A alcaldesa destacou tamén as demais actuacións que se están desenvolvendo na contorna, co apoio do GALP Costa da Morte, e o seu impacto na dinamización veciñal.

Tal e como indicou a representante autonómica, o proxecto para converter o muíño de mareas de Cereixo nun museo etnográfico é bo exemplo desa “segunda vida“ que poden ter estes inmobles. Así, neste caso, a transformación prevista neste inmoble permitirá conservar unha estrutura de gran valor  cultural xa que se trata dunha xoia arquitectónica e histórica do século XVII e, ao mesmo tempo, ofrecerá á veciñanza e aos visitantes un espazo de divulgación da historia e as tradicións ligadas ao mar e á vida costeira da comarca.

A posta en valor dos bens culturais costeiros é unha das accións que puxo en marcha o Goberno galego despois de asumir as funcións, medios e servizos en materia de xestión do litoral. Desde ese momento, a Xunta apostou por un modelo de xestión máis sinxela, accesible, homoxénea e áxil, sen reducir as garantías ambientais. De feito, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático está a outorgar concesións que levaban anos paralizadas para poder avanzar na execución de proxectos que contribúan un desenvolvemento sostible da costa.

Recuperación do tránsito peonil

O Diario Oficial de Galicia publicaba este xoves tamén a resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático pola que se outorga outra concesión de ocupación no Concello de Vimianzo. Neste caso, autorízase ocupar unha superficie de 1.120 metros cadrados no núcleo de Cereixo co obxectivo de recuperar o tránsito peonil ao carón da estrada DP-1603.

A intervención consiste na conexión dos paseos marítimos-fluviais de Ponte do Porto e Cereixo, no Concello de Vimianzo, mediante diferentes solucións: pavimentación con formigón impreso e zonas axardinadas.