Este sábado ás 17:00 horas volve a Liga EBA co Calvo Basket Xiria ao Pavillón Vila de Noia, que se enfrontará o EDM A Estrada. Un equipo xoven recén ascendido, como os carballeses e que a pasada semana gañaron na casa ao Ávila Auténtica, onde destacaron os seus xogadores Fernando Bello (MVP da xornada), Samuel Pernas e Mateo Bello con dobres díxitos en anotación. Equipo cunha defensa moi presionante e que traballan ben en ataque e posúe unha boa porcentaxe en anotación dende o perímetro.
O Basket Xiria tivo moi boa semana de adestramentos, intensa, completa e con moitas gañas de volver á pista. Sobre todo tras a importante vitoria en Xixón da semana pasada, (remontando -16 puntos, para gañar +13) a un equipo con gran experiencia e potencial para estar en postos altos da clasificación.
Os xogadores do Calvo Xiria a pesar de sumar máis experiencia en Liga EBA, que a o EDM A Estrada, non se fía diso, xa que a tempada pasada foron un dos mellores conxuntos da 1ª división, e o feito é que ámbolos equipos lograron o ascenso. O Calvo Basket Xiria dirixido por Héctor Méndez, que contará de novo con todos os efectivos, sabe da importancia dos partidos en Carballo, e facer que “o Vila de Noia” sexa un fortín para os equipos rivais (base para acadar a permanencia) nesta tempada 2022/23, así que unha vez máis tentará darlle cabida a moitos afeccionados e conseguir unha importante presenza nas gradas e animar ao equipo para volver a encher o pavillón de “cor verde”. Haberá partidillo no descanso do equipo benxamín e repartiranse os carnés de socios aos equipos de categoría base e familias.