A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 condena firmemente as sabotaxes e actos vandálicos producidos ao longo da primeira convocatoria de xornadas de folga contra os recursos do servizo público galego de urxencias e emerxencias sanitarias. Esta convocatoria, que tivo lugar entre os días 6 e 7 de xullo, rematou con 82 ambulancias asistenciais de soporte vital básico e avanzado con picadas nas rodas, ademais doutros actos vandálicos como pintadas ou cortes nos cintos dos vehículos.
A convocatoria de folga enmárcase no contexto da falta de acordo na negociación polo convenio colectivo entre a patronal e os técnicos en emerxencias sanitarias que realizan o servizo de transporte sanitario urxente e non urxente en Galicia.
Cómpre subliñar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como servizo encargado do transporte sanitario urxente extrahospitalario na Comunidade Autónoma, ten a consideración de servizo esencial para a poboación e, polo tanto, os servizos mínimos establecidos durante as convocatorias de folga son do 100 %.