O 061 de Galicia pide precaución nos desprazamentos durante a Semana Santa

1 minutes read

Urxencias Sanitarias de Galicia-061, servizo que coordina e xestiona as urxencias e emerxencias sanitarias na Comunidade galega, pídelles aos condutores precaución nas estradas ante o inicio, o mércores, dos desprazamentos polas vacacións de Semana Santa e ata o vindeiro domingo 9 de abril.

Cando se produce un accidente de tráfico a persoa que se atopa no lugar do sinistro pode ser de grande utilidade. En primeiro lugar, facilitando ao 061 toda a información relevante, e despois, seguindo as indicacións transmitidas polo persoal sanitario da Central de Coordinación do 061 de Galicia ata a chegada dos recursos especializados.

Nestas situacións, resulta fundamental o uso da App Sergas Móbil para chamar ao 061 porque permite xeolocalizar a súa chamada e axilizar así a localización do punto do sinistro. Para isto, deberá haberse rexistrado na App con anterioridade e facer a chamada desde a pestana laranxa Chamar ao 061.

Antes de auxiliar nun sinistro de tráfico debe tratar de aparcar o coche nun sitio seguro, afastado do accidente, e prender as luces de emerxencia. Poña roupa reflectora ou rechamante, pero nunca escura. Por último, sinalice o accidente cos triángulos de sinalización ou coa luz de emerxencia V-16.

O que non se debe facer nunca é poñer en perigo a propia vida. Para iso, antes de atender os accidentados, hai que adoptar as medidas de seguridade axeitadas, para evitar novos accidentes. Igualmente, e salvo que haxa perigo de incendio ou novas colisións, non se debe mover a ningún ferido, xa que poderían agravarse as súas lesións.