Desde as 00:00 horas deste mércores o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia xestionou 152 incidencias derivadas dos efectos da chuvia e do vento que afectan á comunidade.
A maioría dos incidentes estiveron relacionados coa presenza de árbores e pólas caídas nas estradas, que sumaron 84 rexistros. Tamén se notificaron 12 casos de cables nas vías, 11 de terras ou pedras, e 9 de obxectos e restos de accidentes que obstaculizaban a circulación.
Por provincias, A Coruña concentrou o maior número de incidencias, con 60, seguida de Pontevedra, con 34, Lugo, con 29, e Ourense, con 23. Ademais, contabilizáronse 4 incidencias noutras comunidades autónomas.
Nos concellos máis afectados destacan, na provincia da Coruña, Carballo, con 8 incidencias, e Narón, Vimianzo, Santiago de Compostela, A Coruña, Muxía e Arteixo, con 3 ou 4 casos cada un. En Pontevedra, sobresae A Estrada, con 5, mentres que en Ourense, o municipio de Ourense cidade rexistrou 6 incidencias. En Lugo, destacan Samos, Pantón e Vilalba, con 3 cada un.
A situación meteorolóxica continúa marcada pola alerta laranxa por fenómenos costeiros que afecta a todo o litoral das provincias da Coruña e Pontevedra, e tamén pola alerta laranxa por chuvias na Coruña (zona suroeste) e en Pontevedra (Rías Baixas e Miño).
Durante a mañá deste mércores non se rexistraron incidencias de especial gravidade relacionadas co temporal. Con todo, ás 09:30 horas, o 112 Galicia tivo constancia dun accidente de tráfico na autovía A-52, á altura de San Pedro de Batalláns, no concello das Neves. Segundo indicou o particular que alertou ao servizo de emerxencias, o vehículo perdeu o control debido ao aquaplaning, impactando primeiro contra a mediana e logo contra outro coche. No operativo participaron o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros do Porriño e Ponteareas, e os axentes da Garda Civil de Tráfico. O persoal sanitario confirmou que foi necesario atender a unha persoa ferida.
Paralelamente, a proximidade dun incendio forestal ás vivendas obriga ao desaloxo de varios veciños en Cervo
O 112 Galicia tivo constancia arredor das 04:00 horas da madrugada dun incendio forestal no concello de Cervo, concretamente no lugar de Río Covo.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, debido á proximidade do lume ás vivendas, procedeuse ao desaloxo das casas da urbanización Río Covo, así como de varias vivendas na zona da Pedrosa, o que supuxo o traslado duns 40 veciños de arredor de 14 casas. Ademais, por precaución, informouse á residencia de San Ciprián para que se confinase.
Na actualidade, o lume atópase controlado e a maior parte das persoas desaloxadas xa puideron regresar aos seus fogares, agás oito veciños de dúas vivendas da zona da Pedrosa. O 112 Galicia permanece pendente da evolución da situación e dos traballos de extinción.