O 15 de setembro poñerase en marcha un protocolo con dous niveis para a hostalería

2 minutes read

O novo protocolo aprobado pola Xunta servirá de guía para os vindeiros meses, co obxectivo de reforzar a seguridade sanitaria e co compromiso coa hostalería segura e de que ningún local deba pechar por completo independentemente da situación epidemiolóxica do concello no que se encontra, así o avanzou o presidente Feijóo en rolda de prensa.

Serán dous niveis, segundo o grao de compromiso do local. “Nos locais de tipo 1, a ocupación máxima será do 50% en interiores e do 75% en exteriores”, precisando que estes terán que cumprir cos requisitos mínimos de seguridade sanitaria, pactados co sector: distancia de 1,5 metros entre mesas; exposición pública dos aforos permitidos do local; medidor de CO2, con anotacións como mínimo cada catro horas; máscaras cirúrxicas para o persoal, que se deben cambiar cada 4 horas; e dúas horas de formación en protocolos covid para o persoal.

En canto aos locais de tipo 2 -aqueles que incrementan os requisitos e as medidas-, poderán chegar ao 75% de ocupación no interior e ata o 100% na terraza; ademais de facer uso das barras, sempre para utilización individual ou de dúas persoas se son conviventes.

Así mesmo, deberán cumprir cunha distancia mínima de 1,5 metros non xa entre mesas, senón entre persoas de distintas mesas; cun rexistro de clientes -só para restaurantes-; cun medidor de CO2 continuo, coa recomendación de contar con actuadores que fan saltar automaticamente o aire acondicionado cando se supera determinado nivel; disporán de máscaras FPP2 para aqueles empregados que así o requiran, facilitándolles probas diagnósticas cada 7 ou 14 días, dependendo da situación epidemiolóxica; e catro horas de formación en protocolos covid para o persoal.

En ambos casos, tanto para nivel 1 como para nivel 2, o horario de peche será a unha da madrugada. E, a maiores, reservarase un terceiro nivel de seguridade, para casos extraordinarios cando así o requira a gravidade da situación epidemiolóxica e a ocupación asistencial.