Para celebrar esta cita cultural e gastronómica de carácter familiar e con arraigo na cultura popular galega contarase coas imprescindibles castañas -asadas ou como ingrediente principal en petiscos- e cos ritmos tradicionais e de fusión dun dos nosos gaiteiros máis internacionais, Anxo Lorenzo.
Deste xeito, esta cita da programación do outono do Gaiás ofrecerá a típica degustación de castañas -coas que contará a Cidade da Cultura grazas á colaboración un ano máis da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia- seguida da foliada típica deste festexo popular. E para isto último contarase con música de raíz co obxecto de crear o ambiente de festa rachada tan característico do Magosto.
Programa e entradas
A degustación de castañas -asadas ou como ingrediente principal en diferentes petiscos-comezará ás 20,00 horas, mentres que á actuación musical dará comezo a partir das 21,00 horas. As entradas para o Magosto no Gaiás poden adquirirse xa de forma anticipada no Museo Centro Gaiás e nos puntos de venda físicos de Ataquilla por 5 euros, en www.ataquilla.com (máis gastos de xestión) e no mesmo día na billeteira por 6 euros.