O 48,3% dos asasinatos machistas prodúcense en municipios de menos de 50.000 habitantes

2 minutes read
  • Cada vez son máis as mozas que denuncian actos de violencia machista

O Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPJ) publicou un dos últimos informes sobre os asasinatos machistas en España. Segundo os datos achegados, o 48,3% dos casos prodúcese en municipios de menos de 50.000 habitantes, que, á súa vez, representan o 47,5% da poboación total, polo que se pode desprender que existen zonas máis desprotexidas nese ámbito.

O número de mulleres asasinadas presuntamente por parte das súas parellas ou ex parellas masculinas durante o trienio 2016-2018 situouse, segundo os datos achegados no último informe do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do CXPJ en 151.

Segundo o CXPJ, o pánico atenaza ás mulleres maltratadas polo que ao temer posibles represalias non se deciden a denunciar. Aínda así, do total de vítimas mortais, o 30,5% presentara denuncia previa contra o seu agresor, tres puntos porcentuais máis respecto á media dos dez últimos anos. Tamén hai que destacar que cada vez son máis as mozas que denuncian o seu caso; en torno ao 47% das asasinadas que interpuxeron unha denuncia tiña entre 16 e 45 anos.

O silencio e a maternidade, en ocasións, van ligados, segundo o Poder Xudicial. O 75% das vítimas mortais eran nais, un dato que, segundo o Observatorio, indica que «a maternidade -xunto á pobreza, a dependencia económica, a discapacidade e o embarazo- é un factor que fai máis vulnerables ás mulleres e garda relación coa elevada porcentaxe de casos sen denuncia previa» porque «o medo atenaza á vítima, que non denuncia para protexer aos seus fillos». O 43% das vítimas tiña fillos menores de 18 anos no momento no que foron asasinadas.

Aínda queda moito camiño por percorrer e desde o Observatorio indican que denunciar é o primeiro paso para poñer en marcha os dispositivos de protección por parte da Administración.

O 016 é o número de teléfono para atender ás vítimas da violencia de xénero.