Máis de 30 nenos viviron o universo de Harry Potter a través dun campamento en Cabana

1 minutes read
  • O albergue xuvenil Alalá desenvolveu varias actividades do 30 de outubro ao 1 de novembro

O albergue xuvenil Alalá achegou a Cabana de Bergantiños a maxia de ‘Harry Potter’ a través dun evento temático no que participaron 34 nenas e nenos de toda Galicia. Esta idea naceu a raíz do campamento de verán da Xunta de Galicia que tivo como base o albergue cabanés durante o pasado mes de xullo.

Nesta ocasión, os usuarios desfrutaron do universo desta personaxe de ficción do 30 de outubro ao 1 de novembro. Entre as actividades desenvoltas figuraron as probas de ‘quidditch’, partidas de xadrez humano ou visualizacións de fragmentos das películas entre outras. Ademais, os pequenos gozaron de varios espectáculos a cargo do mago Álex Louzao.

A intención, segundo explica a xerente de Alalá Terra e Sons, Mariluz Imia Rivera, pasaba por «reunir de novo a un grupo que o pasou xenial en Cabana e que acabou creando lazos de amizade tanto entre eles como coas propias instalacións».

Desde o centro buscarán explorar outros universos como o de Star Wars e similares «nun intento por seguir dinamizando o turismo sensorial no municipio e na comarca».