- A deportista, que tamén é campioa de España, recibiu un carballo de Sargadelos para lembrar as súas raíces
Con 16 anos, o palmarés de Ruth Fuentefría Sánchez é unha motivación e inspiración para moitos deportistas e persoas que se inician na halterofilia. Campioa de España e subcampioa do mundo na categoría Sub-17, a galega achegouse este venres a Carballo, a súa vila natal, para ser recibida polo rexedor, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deportes, Marcos Trigo, nun acto celebrado na Alcaldía.
Ruth, que o próximo ano xa competirá en categoría júnior, cursa 1º de bacharelato e ten a ilusión de estudar Inef e seguir practicando halterofilia, un deporte no que quere seguir colleitando éxitos. Así llo desexou tamén o alcalde ao entregarlle como lembranza da recepción un carballo de Sargadelos, para que «sempre teñas en conta as túas raíces e para que, en vez de landras, deste carballo nazan moitas medallas».