Acudiron tamén o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; María Rivas, subdelegada do Goberno; o alcalde de Ferrol, Ángel Mato; Ana Pena, concelleira das Pontes; Alberte Amado, en representación da CIG; Nicasio Pena, en representación da UGT; José Hurtado, en representación de CCOO e Laura Martín, directora do Instituto para a Transición Xusta.
Desde a Delegación do Goberno avanzaron outros 100 millóns de euros para o plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O obxectivo dos convenios de transición xusta é crear emprego, garantir a actividade nas áreas afectadas e fixar poboación. Para iso buscan identificar diferentes proxectos, investimentos e oportunidades de emprego que garantan a reactivación na zona, baseada nun modelo produtivo diversificado e sostible, xerando novas oportunidades.
Foi o Ministerio para a Transición Ecolóxica o que aprobou a concesión de 111 millóns de euros do Fondo de Transición Xusta para a provincia da Coruña, en concreto para As Pontes e Meirama, en Cerceda.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, valorou de xeito “moi positivo” esta xuntanza, destacando que “en breve haberá unha persoa con adicación en Galicia para tratar estes temas con maior cercanía”, avanza. “Nós destacamos o papel central dos concellos que posúen centrais térmicas, como é o caso de Cerceda, e facemos fincapé na idea de que máis aló das convocatorias de axuda directa se traballe en busca da utilidade pública dos procesos, é dicir, que de todas as iniciativas privadas se saque unha utilidade pública, como emprego, respecto ao territorio, sostibilidade e recursos públicos”, argumentou.
O Concello de Cerceda formulou alegacións a este Plan de cara a que recolla na súa plenitude os intereses para a vila, e desde o goberno local “traballarase ao máximo para aproveitar as oportunidades que se nos brinden de cara ao futuro máis inmediato”.