O alcalde de Santiago móstrase satisfeito coa aprobación dos orzamentos municipais prevista para este luns

1 minutes read
  • A aprobación dos orzamentos permitirá sacar adiante compromisos importantes como o do Servizo de Axuda no Fogar

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, valorou a importancia de aprobar inicialmente os orzamentos municipais, tal como esta previsto que suceda no pleno extraordinario convocado para este luns ás 10:30 horas. «Isto permitiranos sacar adiante, a través do procedemento anticipado de gastos, compromisos importantes para o Concello», dixo.

Entre eses compromisos que se poderán licitar destaco o do Servizo de Axuda do Fogar. En palabras do rexedor, «o cambio fundamental é que o custo por hora pasará dos 16 a algo máis de 18 euros, e que se aumentará a cantidade de persoas atendidas». Isto fai que o orzamento deste servizo pase dos 1,9 aos 3 millóns de euros.

Un expediente anticipado de gasto tamén permitirá sacar a licitación a obra da rúa de Concheiros, que esperan que se inicie antes do verán.

En referencia aos novos contratos dos servizos de transporte público, alumeado ou limpeza, o alcalde espera que «ao longo deste primeiro semestre todos estes contratos saian a licitación e antes de final de ano se estean prestando os servizos de acordo aos novos contratos».

Preguntado na rolda de prensa pola dotación de Policía Local e Bombeiros do Concello, o alcalde reiterou que «afrontaremos o 2021 cunha gran precariedade de recursos humanos». Non obstante, no caso da Policía Local, confía en que se poidan alcanzar entre os 145 e os 150 efectivos para o ano 2021, en base a novas incorporacións e, sobre todo, a concursos de traslados.