O alumnado contará cun Plan para recuperar as aprendizaxes perdidas no curso pasado

1 minutes read

O alumnado galego contará con plans de reforzo e recuperación, elaborados polos equipos docentes, coa finalidade de que recupere as aprendizaxes imprescindibles non adquiridas no curso anterior. Así se establece nas instrucións que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar para o desenvolvemento do curso 2020/2021, tendo en conta a situación derivada da pandemia da covid-19.

Estes plans elaboraranse a partir dos informes individualizados redactados á finalización do curso 2019/2020 e da avaliación inicial, e reforzarán os elementos curriculares esenciais e as competencias e aprendizaxes imprescindibles do pasado ano académico, co fin de garantir a continuidade do proceso de ensinanza-aprendizaxe. O Plan de reforzo desenvolverase mediante axustes curriculares, segundo as necesidades individuais do alumnado demostradas polos resultados da avaliación inicial e estenderase, como mínimo, durante o primeiro trimestre do novo curso.

Así mesmo, as programacións didácticas deberán recoller as aprendizaxes e competencias clave non adquiridas no curso escolar precedente, co fin de detectar as necesidades do alumnado.

Nelas constarán, así mesmo, as adaptacións necesarias que a docencia semipresencial ou non presencial puidesen requirir, de ser necesario poñer en marcha este tipo de ensino, identificando de forma expresa aquelas aprendizaxes imprescindibles para a adquisición das competencias clave, así como o deseño de tarefas globais e das estratexias e instrumentos de avaliación máis adecuados para a consecución deste obxectivo.