O ano 2023 foi o máis cálido das últimas seis décadas en Galicia e moi húmido

1 minutes read

O pasado ano 2023 foi moi húmido e o máis cálido das últimas seis décadas, segundo o avance do balance climatolóxico anual elaborado por MeteoGalicia.

A temperatura media foi de 14,9 graos, un valor tan alto que fai que o ano 2023 se considere como extremadamente cálido, cunha anomalía positiva de 1,3 graos con respecto aos valores esperados. Foi o ano máis cálido das últimas seis décadas, ao rexistrar a temperatura media máis elevada desde 1961.

Máis polo miúdo, segundo a temperatura media rexistrada, dos 12 meses, 3 acadaron valores normais -xaneiro, febreiro e xullo-, 8 foron considerados cálidos ou moi cálidos -marzo, abril, maio, xuño, agosto, setembro, novembro e decembro-, e outubro destaca como extremadamente cálido. A maiores, cómpre indicar tamén que as temperaturas mínimas rexistraron unha anomalía positiva de 1,2 graos con respecto ao habitual e as máximas foron 1,3 grados máis elevadas do agardado.

No que atinxe ás precipitacións, o volume de chuvias foi maior do agardado polo que 2023 debe considerarse, en xeral, un ano moi húmido. A precipitación media na Comunidade foi de 1.560 litros por metro cadrado, o que supón un 21% máis do que cabería esperar.

Para atopar un ano máis húmido hai que remontarse ao ano 2000. 2023 presentou notables contrastes entre uns meses e outros. Así, febreiro e maio foron moi secos; abril e xullo, secos; xaneiro, xuño, outubro e novembro, moi húmidos; marzo e setembro, húmidos, e agosto e decembro rexistraron valores normais.