Trátase dunha das grandes citas da programación de outono do Concello de Vimianzo. No escenario do Auditorio o Grupo Chévere presenta ICTUS. Anatomía de «A derradeira leición» de Castelao.
ICTUS é o novo proxecto de Chévere en co-produción co Centro Dramático Nacional. Quizais o maior desafío escénico que teñamos asumido ata agora pola complexidade para abordar o tema desde o teatro documental e usando unha narrativa accesible a persoas xordas e persoas cegas.
ACCESIBILIDADE
Esta obra integra en escena a lingua de signos (LSE) para persoas xordas signantes e conta con audiodescrición en directo desde o escenario integrada na narrativa, para persoas con discapacidade visual.
ICTUS é unha obra sobre a memoria, sobre a relación que existe entre boa memoria e boa democracia e sobre os traumas sen resolver coa nosa memoria histórica. Unha obra que usa como fío condutor o cadro titulado “A derradeira leición do mestre”, que é a derradeira pintura que Castelao asina no exilio, cando está case cego. A obra propón unha viaxe inversa no tempo, acompañando o cadro desde o acto de recibimento que lle organiza o goberno galego cando chega por primeira vez a Galicia no 2018 para protagonizar unha exposición sobre a educación, ata o acto en memoria de Alexandre Bóveda no que se presenta en público por primeira vez no Centro Ourensán de Bos Aires (Arxentina) o 17 de agosto de 1945, noveno cabodano do fusilamento de Bóveda polos militares golpistas, declarado Día dos Mártires de Galicia pola colectividade galega desterrada.
Argallan un dispositivo documental no que se cruzan as voces de numerosas testemuñas, para dialogar coa historia persoal dunha muller que sofre alteracións da memoria por un dano cerebral adquirido, causado por un ictus que lle dá durante ese acto de recepción do cadro de Castelao.
O resultado é unha viaxe escénica que nos invita a entender como se constrúen -e como se disputan- as narrativas da memoria.
A CITA:
Este sábado 14 de novembro ás 20:30 horas no Auditorio de Vimianzo. Duración 110 minutos.
Entrada xeral: 5 € | Reducida: 2,50 €
Venda anticipada en Woutick.es e billeteira Casa da Cultura.
