O Bergantiños é máis líder | O Paiosaco sucumbe ante un rival directo

2 minutes read

O Bergantiños consolida o liderado da 3ª RFEF cun gol de Longo ante o Estradense, marcado no minuto 23. O conxunto carballés superou ao seu rival en case todas as fases do xogo. O gol da vitoria chegaba tras un centro ao punto de penalti que foi recollido por Longo, que axustou o disparo ao pau, a media altura, abrindo o marcador co que sería o único tanto do partido. Tería máis ocasións o Bergantiños, moitas delas con Longo como claro protagonista, pero o marcador xa non se movería. Un resultado xusto que afianza aos de Secho Martínez como líderes da xeneral con 53 puntos, en ascenso directo, cinco por encima do seu inmediato perseguidor, o Gran Peña con 48, que esta xornada non pasaba do empate sen goles na casa do Somozas.

Viveiro 2-0 Paiosaco

Nun terreo de xogo embarrado polo mal tempo, o Viveiro e o Paiosaco víronse as caras este domingo en Cantarrana fronte a uns 200 espectadores que aguantaron ademais as inclemencias meteorolóxicas. O Viveiro foi superior en case todo momento, con claros avances co paso dos minutos. Á media hora de partido chegaba o 1-0, tras un gran centro de Nacho desde a banda dereita que peitea Núñez dentro da área para que Manu Martín batese a Dani Moreno. O segundo gol do Viveiro chegaba tras unha contra de Barroso que lle envía a pelota en profundidade a Rolle, este regatea ao porteiro do Paiosaco e instaura o definitivo 2-0. Con ese resultado adverso o míster do Paiosaco movía o banco presionando ao rival, nos mellores minutos dos laracheses, pero xa nada se movería. Con este resultado o Paiosaco está ás portas da zona vermella con 27 puntos, coa imperiosa necesidade de puntuar canto antes para non meterse en problemas.