O Bergantiños é máis líder tras remontarlle ao Fabril en Abegondo

1 minutes read

Complicáronselle as cousas ao equipo carballés ante os xogadores de Juan Carlos Valerón, que presionaron moi ben nos primeiros pases do encontro. Froito diso Guille Bueno xerou o 1-0 pouco antes da media hora de xogo. Co resultado a favor o Fabril fíxose máis forte e por momentos mesmo arrinconaba ao conxunto carballés. José Luis Lemos fixo unha moi boa lectura da situación do encontro, deu entrada a Antón Concheiro, que regresaba a Abegondo, para contar cun mediocentro máis posicional e adiantar a Carlos. Así, dominou máis o Bergantiños pero tamén quedou exposto en moitas situacións dun contra un en defensa, pero que non souberon aproveitar os atacantes fabrilistas. No minuto 80 Cano púxoa desde a esquerda e Lamelas apareceu no segundo pau para cabecear á rede, táboas no marcador. Cando xa case todo estaba finiquitado, a un minuto de cumprirse o tempo regulamentario, nunha perda de Álex Barba, que ata entón fora o mellor pero arriscou cun caneo entre dous no centro do campo, o Bergantiños saíu lanzado á contra e Remeseiro puxo o 1-2 definitivo cun gran zurdazo. O Bergantiños é máis líder con 41 puntos, favorecéndolle máis se cabe na distancia o seu inmediato perseguidor, o Somozas, que non pasou o empate na casa ante o Silva S.D. O Deportivo Fabril queda no posto 7 da táboa con 22 puntos.