O Bergantiños feminino e o Sofán fanse coa Copa da Costa

1 minutes read

O equipo das carballesas conseguiu o seu terceiro título comarcal mostrándose intratable ante o Unión Club Cee no Municipal da Fontenla en Santa Comba, ao que superou por unha goleada de 7-1. Tras a apertura da lata no minuto 24 cun golazo de Paula Paredes todo foi máis fácil para o Bergantiños. Con 3-0 ao descanso, xa non houbo marxe de manobra para o Cee, salvo un espellismo de Sharay que anotaba o gol de honra para as azuis. Lara López e Cruz certificaron a derrota do UC Cee e a vitoria das carballesas.

Final masculina

A edición número LVIII da Copa da Costa trouxo o primeiro título para a parroquia carballesa de Sofán. Os vermellos impuxéronse na final ao Baio, dunha categoría inferior, por un contundente 5-0. Os goles de Bandeira e Paulo no primeiro tempo encamiñaron o triunfo. Dani Pena fixo o terceiro nada máis comezar a segunda parte e xa no tramo final Iván e Taibo completaron o resultado. A Copa da Costa é un dos torneos con máis encanto do fútbol galego. Vén disputándose desde a década dos sesenta e sempre atrae a un gran número de seareiros. Dentro dos torneos deste tipo que hai por toda Galicia é o que conta con máis tradición. O Sofán nunca conseguira gañalo, só ser finalista en 2018. Agora xa presume de ter unha Copa no seu palmarés.