O Bergantiños non atopa o gol contra un Somozas inofensivo (0-0)

1 minutes read

Un inofensivo Somozas saíu vivo das Eiroas fronte a un Bergantiños que non atopou o gol nun partido sen apenas ocasións: dúas contadas; as dúas, na segunda metade. Antes do descanso todo foi moi táctico. O Bergan alixeirou a defensa e situou a Granada por diante dos centrais, na compaña de Diego e, máis adiantado, Remeseiro. Non chegou para enfiar coa dianteira e, unha vez máis, o (escaso) perigo chegou polas bandas cando aparecían Aarón e Bilal, con menos carrete hoxe que de costume. O Somozas foi toda a tarde un rival cómodo, que apenas lle deu traballo á zaga local; menos aínda a Canedo, quen viviu unha tarde moi tranquila, o mesmo que Marcos: os de Figueira levaron sempre a iniciativa, pero con pouca claridade na faceta ofensiva.
O segundo tempo empezou cun empurrón do Bergantiños que non se traduciu en nada, non sendo un remate afastadísimo de Aarón con moito veleno, moi raso, que acabou en córner. A seguinte oportunidade non se rexistrou ata o minuto 80, nunha chegada pola banda de Álex Diéguez a acabou na perna boa de Remeseiro, pero o seu disparo, case na área pequena, marchou moi desviado.
O Bergantiños mandou sempre, pero estivo moi atrancado en ataque fronte a un contrincante que nunca se desordenou nun partido no que os metas só se empregaron para xogar cos seus defensas ou para sacar de portería. Resultado final 0-0.