O Bergantiños recupera sensacións e consegue vencer ao Ourense na casa (1-0)

1 minutes read

O Bergantiños gañou 1-0 ao Ourense o partido disputado este sábado en As Eiroas. O encontro arrincou de maneira inmellorable para o conxunto carballés, que estreou o marcador tras unha fraxilidade defensiva visitante e a través dun tanto de Charly, instantes despois do inicio do partido, no minuto 5. O Ourense modificou o 4-4-2 inicial e atrasou a Jerin para pasar a defensa de cinco. Agradeceuno o equipo que se foi entoando, pero aínda así o cadro local tivo ocasións para facer o segundo. 

Na segunda parte o equipo ourensán pasou a converterse no dominador absoluto do xogo, gozou de numerosas ocasións para cando menos igualar o partido. Pero a falta de puntería e as boas intervencións do meta local Santi Canedo, o mellor xogador do equipo de Carballo na segunda parte, evitaron a igualada. Alberto Gil en dous bos remates, Rubén Sánchez ou Amín tiveron ocasións para marcar, pero a máis clara foi para Manu Rodríguez no minuto 73 que rematou de cabeza un centro desde a esquerda de Gil, cando xa se cantaba o gol apareceu unha man milagrosa de Canedo para evitar o empate. 

Con esta vitoria o Bergantiños colócase na casa 12 da táboa clasificatoria, fóra dos postos de descenso e a un só punto do Ourense.