O BNG advirte a Rueda que a reunión frustrada con Caballero non é escusa para que a Xunta abandone a Vigo

Xabier P. Igrexas_ BNG Vigo.

O Bloque Nacionalista Galego advirte ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que a reunión frustrada co alcalde de Vigo, Abel Caballero, non pode ser unha escusa para persistir na política de «total abandono» do Goberno galego coa cidade. A fronte nacionalista chama ao Executivo do PP a demostrar o seu compromiso con Vigo incrementando os investimentos nos vindeiros orzamentos, após rexeitar as propostas realizadas polo Bloque nos últimos catro exercicios, por valor de 285 millóns de euros.

«Desde o BNG non imos tolerar que Rueda utilice o plantón de Caballero para seguir desertando das súas responsabilidades en Vigo, como leva facendo o goberno PP durante 13 anos contra a maior cidade de Galiza», reprochou o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que cualificou de «bochorno» o intercambio de acusacións entre ambos mandatarios para non celebrar un encontro institucional.