O BNG da Costa da Morte vén de anunciar o seu apoio ás reivindicacións do Comité de Empresa de Xeal, que están a denunciar a grave situación na que se atopa a negociación colectiva, marcada pola perda continuada de poder adquisitivo, o bloqueo empresarial e un deterioro xeral das condicións laborais.
Os deputados da formación nacionalista no Parlamento galego, Oscar Insua e Xosé Manuel Golpe, mantiveron unha xuntanza este xoves 12 de febreiro con todos os membros do comité de empresa no local comarcal da formación política, ao serlle negada a entrada no local sindical da factoría en Cee, e avanzaron que o BNG vai a impulsar as accións necesarias na defensa dos traballadores e traballadoras de Xeal.
Oscar Insua manifestou ao respecto que “lamento a actitude da dirección da empresa e a falta de talante por negarnos a entrada a min e a Xose Manuel Golpe no local do comité. Parece que as portas só llas abren aos políticos cando lle interesa á empresa, a diferencia nosa, que sempre abrímoslla a todo o mundo para falar de calquera tema. En todo caso, tomamos nota”.
Os parlamentarios do BNG escoitaron con atención a exposición da situación do emprego na empresa e a negociación do novo convenio, agora mesmo paralizada pola inacción da dirección, razón pola cal o comité demandou ao goberno galego a mediación no conflito. Os nacionalistas comprometéronse a levar todas as propostas do comité, todas elas xustas e perfectamente xustificadas, ao parlamento galego e ao Congreso para tratar de conseguir mellorar as súas condicións laborais.
Insua declarou que “é unha burla que as subidas que propón a empresa estean moi por abaixo do IPC, cando as perdas acumuladas dos salarios superan o 11%. Ademais perdéronse nos últimos anos máis de 80 postos de traballo, e estanse cubrindo con horas extras e traballos temporais precarizados. É un auténtico despropósito que pase esto na principal empresa da comarca”.
Por último, os deputados do BNG comprometéronse a pedir novamente que calquera concesión de aproveitamento hidráulico dos ríos quede vinculado ao mantemento da produción de ferroaleacións e de novos postos de traballo.
“Ten que existir repercusión dos beneficios empresariais na comarca. Non pode ser que se lle dean subvencións públicas á empresa e que non cumpran a súa función, como as recibidas para renovar as depuradoras, que están paradas, iso non pode ser. Tamén imos estar vixiantes no compromiso de creación de novos postos de traballo na fabricación de carbón vexetal, porque recibiron 9 millóns de euros públicos”, insistiu o deputado Oscar Insua.