No día mundial das cidades, o Bloque Nacionalista Galego chamou a repensar colectivamente o proxecto de cidade para Vigo fronte ao que califica de «inercia e o esgotamento do actual Goberno municipal», apostando por un modelo que avance cara unha maior xustiza social, máis participación democrática e sustentabilidade ecolóxica. A fronte nacionalista avoga porque Vigo lidere, desde a cooperación, a súa área metropolitana e que se converta no motor de toda Galiza.
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu que é necesario un novo proxecto de cidade que supere a inercia e a falla de ideas que definen a política municipal dos últimos anos. «A cidade é moito máis que un espazo ou un territorio, a cidade é fundamentalmente unha comunidade humana. É a primeira célula social, o ámbito no que a sociedade toma forma e no que se materializa e desenvolve. E por iso desde o BNG apostamos por un Vigo de futuro» explicou.
Igrexas sintetizou os elementos que deben definir unha nova folla de ruta estratéxica para a cidade sinalando como principais liñas «facer de Vigo unha cidade para o pobo, poñendo os problemas reais da xente no centro da axenda política e con máis participación democrática».
O portavoz municipal nacionalista aposta tamén por facer de Vigo un «espazo de iguais e de xustiza social» para o que lembrou que «a mellor maneira de humanizar é facendo que ningunha persoa teña que malvivir ou malmorrer nas rúas» e demandou políticas «radicalmente feministas para avanzar cara a unha igualdade real».
Ademais, sostén que «é máis estratéxico que nunca avanzar cara a un modelo de cidade sustentábel en termos ecolóxicos», para o que avogan por gañar espazo para as persoas fronte aos vehículos, aumentar as políticas de respeito e benestar animal e reconciliar a cidade co seu medio natural, alargando a protección ambiental dos seus montes, do Lagares e da faixa litoral.
Participación
Desde o Bloque subliñan que construír o Vigo do futuro é unha tarefa colectiva e insisten en demandar máis participación democrática fronte aos tics autoritarios do actual Goberno municipal. «O Vigo que queremos é un Vigo ao servizo das máis de 300 mil persoas que vivimos e traballamos na cidade, e iso pasa por dialogar e escoitar, sobre todo a quen pensa diferente», afirmou Igrexas.
Con esa finalidade, insisten en demandar medidas efectivas que faciliten a participación na toma de decisións, como a conversión dos organismos consultivos que hoxe existen no Concello en espazos de codecisión popular e superar o seu carácter meramente ornamental, ou o despregamento de orzamentos participativos.
Motor dunha nova Galiza
Igrexas reivindicou as potencialidades que ten Vigo para se converter «no motor de todo un País». «Fronte a ese afán permanente por empequenecer a cidade, por encastelala, por amurallala para enfrontarnos con todos por todo, o BNG apostamos por un Vigo que lidere, tecendo sinerxías, a súa área metropolitana, que se converta na capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións, para ser o motor dunha nova Galiza», enfatizou.