O BNG insiste en que o seu apoio a Pedro Sánchez pasa polo diálogo e o compromiso do novo goberno coa axenda galega. Este sábado a voceira nacional, Ana Pontón, dixo que antes de decidir precisan coñecer o programa de goberno do PSOE e de Podemos, que polo de agora é só unha declaración de intencións.
Na xuntanza prevista para inicios da próxima semana, o novo representante no Congreso, Néstor Rego, levará as súas demandas ás negociacións de Madrid.
«A día de hoxe o BNG non ten decidido cal vai ser a súa posición de voto na investidura. O voto do BNG vai estar claramente condicionado á receptividade da axenda galega, a que se poña freo á involución democrática e ao recorte de dereitos sociais e de liberdades e ao respecto por un marco de plurinacionalidade». dixo Ana Pontón, voceira nacional do BNG.