O BNG crea un comité asesor para a «reactivación económica e social» de Galicia

1 minutes read

Unha aposta clara polo público, pola xustiza social e polo autogoberno en chave de país. Estes son os piares para inciar a «recuperación económica e social» da Galiza que defende o BNG e sobre os que traballará un «comité asesor» integrado por expertos/as para presentar unha alternativa á cidadanía diante da crise do coronavirus.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou ós integrantes deste comité, coordinado pola avogada Ester Vázquez e polo académico Xosé Manuel Carril, que ten como encomenda elaborar as liñas mestras dun plan de reactivación socioeconómico que a formación nacionalista vai propoñer á sociedade galega para superar o escenario de crise derivado da COVID-19.

Nel participan expertos de distintos eidos, como os ex reitores das universidades da Coruña e Vigo, Xosé Luís Armesto e Salustiano Mato; os ex conselleiros de Medio Rural e de Industria, Alfredo Suárez Canal e Fernando Blanco; integrantes do ámbito académico e da investigación como María do Carme García Negro, Edelmiro López Iglesias, Bernardo Valdés, Anxo Calvo, Ánxela Fernández, María Xosé Vázquez, Mar Pérez Fra ou María de la Fuente; e referentes sindicais como Xesús Seixo.

Pontón salientou que «non se pode repetir o sálvese quen poida» de 2008. «Se a crise financeira de 2008 tivo como resposta dos Gobernos o rescate da banca, na crise do coronavirus de 2020 a resposta ten que ser o rescate da economía produtiva, dos traballadores e traballadoras, o rescate  das persoas, da economía real e dos servizos públicos», asegurou.