Dende o Grupo Municipal do BNG da Laracha, o seu Portavoz, Xoán M. Sande Muñiz, afirma que «de pouco serve á veciñanza da Laracha termos un edificio que seica é referente arquitectónico, cando se están a reducir os servizos que presta cada vez máis. Nun centro onde se deberían aumentar os servizos, onde existe unha demanda importante para que se poñan consultas ordinarias e cita previa en horario de tarde, onde consideramos desde o BNG que se debera implementar unha consulta de odontoloxía, resulta que o que fai o Sergas é recurtar servizos. Ese é o caso da consulta de matrona, un servizo co que hai algúns anos contabamos de luns a venres todos os días e que primeiro pasou a reducirse a tres días e agora resulta que só contamos coa matrona dous días á semana, o que fai que se incrementen as listas de espera para esta profesional».
Servizo insuficiente, compartido con outros concellos
«Así é, xa hai algúns anos que se viña compartindo a matrona con Cerceda, e agora recentemente tamén a temos que compartir con Cabana de Bergantiños, co que só hai consulta no C.S. da Laracha dous días á semana. Son moitas as usuarias que se veñen queixando das longas esperas de moitos días, ou incluso de máis dun mes en ocasións, para poderen acudir á consulta da matrona. As infraestruturas sen persoal non valen para nada, e a propaganda moito menos, e esta é a realidade que vivimos na sanidade pública en xeral e en particular na atención primaria: un deterioro continuo, recurtes de servizos, acumulación de consultas para as/os profesionais, precariedade, falta de cobertura», afirman dende o BNG.