No vindeiro pleno, o Bloque Nacionalista Galego da Laracha levará para o seu debate e aprobación unha moción para instar á Xunta a que reduza e elimine de forma paulatina as peaxes da AG-55 (Carballo – A Coruña) e AG-57, de titularidade autonómica, xa que isto «supón un agravio e unha discriminación para residentes e empresas das respectivas comarcas».
Segundo o portavoz do BNG na localidade, Xoán M. Sande Muñiz, coa moción tamén queren amosar «a rotunda oposición» da Corporación Municipal da Laracha á intención do goberno central de establecer peaxes nas autovías de titularidade estatal por considerala «unha medida regresiva que establece barreiras económicas no acceso a servizos básicos como son as infraestruturas viarias, porque incrementa a inseguridade viaria e porque supón un atranco para o desenvolvemento económico e a cohesión social de Galiza».
O cobro das peaxes volveu á palestra despois de que o Ministerio de Fomento reabrira o debate sobre o pago de todas as autovías pero tamén das estradas convencionais do país a partir do 2024, unha idea que xa fora anunciada no ano 2018 e que responde a dous principios de uso das vías: «quen contamina paga” e “o que a usa, págaa”.