Dende o BNG larachés afirman que rexistraron esta iniciativa despois de ter levado a cabo unha reunión con representantes do Claustro así como contactos con membros da ANPA onde lles transmitiron a situación precaria na que se atopa este Centro educativo. Por aparte de ambos colectivos foron presentadas ao Goberno do Concello e á prensa, segundo lles dixeron, sendos escritos onde expoñen as súas denuncias. Dende o BNG, tanto a través dunha iniciativa presentada este venres no Parlamento Galego a través do Deputado carballés Daniel Pérez, como na moción que presentan para debater no vindeiro Pleno municipal do 27 de xullo, afirman que se suman ás súas demandas esixindo da Consellería de Educación que se reverta a situación actual.
Exposición de motivos da moción
Tanto dende a ANPA coma dende o Claustro vense denunciando dende fai uns anos que o espazo para albergar o incremento de alumnado que está a sufrir o centro é claramente insuficiente o que, durante a pandemia, ocasionou moitos problemas xa que era imposible adaptar os reducidos espazos á situación de emerxencia sanitaria, o que fixo que se tivesen que destinar espazos complementarios das instalacións educativas para dar as clases. A consecuencia desta falta da falta de planificación dunha ampliación do Centro implica unha visible masificación nas aulas, cunhas ratios que complica o traballo das mestras e
mestres e que dificulta ou directamente imposibilita realizar desdobres para prácticas de laboratorio, proxectos de tecnoloxía e desdobres de linguas estranxeiras.
Ademáis disto, o Agra de Leborís ve como se incrementa o alumnado ao tempo que a Consellería de Educación recorta, ano tras ano, o número de docentes. A consecuencia máis grave disto é que se ve mermada a implantación de medidas de atención á diversidade, sendo especialmente sangrante a situación do alumnado con necesidades educativas especiais (NEE) e necesidades específicas de apoio educativo (NEAE). No curso 2022-2023 foron 118 alumnas e alumnos os que se atopaban nesa casuística, coa posibilidade (máis que plausible) de que o número de crianzas con estas necesidades aumente no próximo curso. Ante isto, o goberno galego e, nomeadamente, a Consellería de Educación, respondeu con recortes, suprimindo a única praza a tempo completo de profesorado de Pedagoxía Terapéutica (PT) coa que se contaba no centro, quedando soamente unha a tempo parcial, claramente insuficiente. O efecto directo será que o alumnado con necesidades específicas non contará coa atención que precise, véndose abocado a se integrar en grupos masificados, sen profesorado especializado para atender as súas necesidades.