- A formación levará ao pleno a instalación dunha oficina, por parte da Xunta, para axudar aos operadores no relativo a trámites e asistencia.
O BNG de Laxe buscará no vindeiro pleno ordinario, que terá lugar o 28 deste mes, un acordo para que unha das oficinas que abrirá a Xunta de Galicia para espremer ao máximo os fondos de pesca europeos teña a súa sede nesta vila da Costa da Morte ao ser un peso importante no sector pesqueiro da comarca.
O novo Fondo Europeo Marítimo da Pesca e a Acuicultura (FEMPA) terá reprogramacións e «daráselle máis a quen máis execute», segundo advertiu recentemente en Vigo o director xeral de Ordenación Pesqueira, Ignacio Gandarias, que tamén comentou que Galicia xa está preparando a maquinaria para espremer ao máximo ese fondo estructural.
Do mesmo xeito, a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas, anunciou na segunda xornada da Conferencia Internacional sobre o Futuro da Pesca, organizada pola Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI), que a Xunta abrirá una oficina con varias sedes nas principais localidades pesqueiras para axudar aos operadores (sobre todo aos máis pequenos) a enfrentarse á tramitación administrativa facilitándolles os pasos de cara á solicitude dunha axuda comunitaria. Nesta oficina tamén se asesorará e incentivará a varios proxectos naquelas liñas nas que en anteriores fondos houbo moi baixa execución.