O BNG de Laxe denuncia que o Goberno do PP vai hipotecar o futuro económico do concello asumindo pagar con cartos públicos a urbanización dos antigos terreos da mina, cando en realidade a Lei do Solo determina que a urbanización dos terreos corresponde ao propietario, neste caso a empresa Sondeos del Norte. En definitiva, o PP decide que todos os veciños e veciñas de Laxe paguen a urbanización dunha gran bolsa de solo para que unha empresa privada faga negocio vendendo pisos.
É máis, o concello tamén asume o mantemento desa urbanización, a preservación e posta en valor dos restos da mina, -como a cheminea e os antigos lavadoiros de caolín-, ademais de asumir unha redución do terreo que se destinará a vivenda de protección pública, é dicir, haberá menos vivendas a prezo taxado e limitado para facilitar o acceso a unha residencia á veciñanza con menos nivel de renda.
O BNG estima que só os custes de urbanización ascenderán a 1,5 millóns de euros e pide ao Goberno do PP que defenda o interese xeral en lugar do interese particular amparando un pelotazo urbanístico. De feito, a lei establece no artigo 29 os deberes dos propietarios de solo urbanizable indicando que, unha vez aprobado o planeamento que estableza a ordenación detallada, a transformación do solo urbanizable comportará para os seus propietarios os seguintes deberes:
1.- Ceder obrigatoria e gratuitamente ao concello o solo destinado ao sistema local de espazos libres, zonas verdes e equipamentos, e á administración titular correspondente, o destinado a viais.
2.- Ceder obrigatoria, gratuitamente e sen cargas o solo necesario para a execución dos sistemas xerais que o plan xeral inclúa ou adscriba ao sector e urbanizar nas condicións que determine o plan unicamente os incluídos no sector.
3.- Custear e, se é o caso, executar as obras de urbanización do sector e as infraestruturas de conexión cos sistemas xerais existentes, así como as obras necesarias para a ampliación e o reforzo dos citados sistemas, de forma que se asegure o seu correcto funcionamento tendo en conta as características do sector e de conformidade cos requisitos e condicións que estableza o plan xeral.
4.- Ceder obrigatoria, gratuitamente e libre de cargas ao concello o solo correspondente ao 10 % do aproveitamento tipo da área de repartición. A Administración non terá que contribuír ás cargas de urbanización correspondentes deses terreos, que deberán ser asumidas polos propietarios.
5.- Garantir o realoxamento dos ocupantes legais que se precise desaloxar de inmobles situados na área da actuación e que constitúan a súa residencia habitual, así como o retorno cando teñan dereito a el, nos termos establecidos na lexislación vixente.
6.- Proceder á distribución equitativa dos beneficios e cargas do planeamento con anterioridade ao inicio da súa execución material.
7.- Edificar os solares no prazo establecido. Non poderá ser edificado nin parcelado ningún terreo que non reúna a condición de solar, agás que se asegure a execución simultánea da urbanización e da edificación mediante aval, que deberá alcanzar o custo estimado das obras de urbanización e as demais garantías que se determinen regulamentariamente.
Polo tanto, desde o BNG de Laxe pedimos ao Goberno do PP que deixe de confundir á veciñanza, que deixe de mentir xustificando o inxustificable, e que defenda o interese público do concello fronte ao interese privado dunha empresa.