O Consello local do BNG elixiu a Cristina Vázquez del Prisco como candidata á Alcaldía de Laxe de cara ás eleccións municipais de 2027, tomando o relevo de Xosé Manuel Pose Lema, despois de que o até agora máximo referente da organización comunicase a súa decisión de non repetir como cabeza de lista nos próximos comicios locais.
Cristina Vázquez xa ocupou o número dous na candidatura nas pasadas eleccións e actualmente forma parte do grupo municipal do BNG, xunto co propio Pose e Isabel María Toja, tras ter logrado un gran resultado nas urnas, triplicando representación e cunha porcentaxe de voto nunca antes acadado.
A nova candidata encara o reto “coa máxima ilusión e responsabilidade, -explicou-, sabendo que teño ao meu lado un gran equipo de compañeiros e compañeiras dispostas a dar o mellor de nos mesmas, sen escatimar esforzos e cun gran obxectivo: conseguir a Alcaldía e que Laxe teña por primeira vez un goberno disposto a darlle ao noso concello o futuro que se merece”.
Vázquez del Prisco destacou que quedan por diante dous anos de intenso traballo, nos que o BNG vai “redobrar” esforzos, en contacto directo coa veciñanza, explicando o proxecto do Bloque para construír un Laxe mellor.
Dous anos para seguir facendo política en positivo, combinando a crítica con propostas e medidas para dar solucións aos problemas reais do municipio, tanto do centro urbano como de todas e cada unha das parroquias. “Non nós conformamos con quedarnos na crítica, senón que a cada problema poñemos sobre a mesa medidas concretas para solucionalo, demostrando que temos unha alternativa real ao actual des-goberno do PP”, explicou.
A nova candidata aproveitou a súa elección para destacar o “extraordinario” traballo de Xosé Manuel Pose ao longo dos últimos anos, subliñando a súa capacidade e experiencia política, o seu coñecemento do funcionamento da administración e a súa capacidade para xestionar, como demostrou na súa etapa como concelleiro de Turismo. “Pero sobre todo, quero destacar a súa gran faceta humana, a súa capacidade de crear equipo e de ilusionarnos incluso nos momentos máis difíciles, que tamén os houbo. Xosé Manuel Pose é un dos bos e xenerosos”, destacou Vázquez del Prisco.
Pola súa parte, Pose destacou ante a consello local que toma esta decisión “tras unha profunda reflexión tanto co meu entorno político máis próximo como, por suposto, coa miña familia”, tras dezaoito anos sendo a cara máis visible do BNG en Laxe. “Dou este paso ao lado coa tranquilidade e o orgullo de ter colocado ao BNG no seu mellor momento tras o histórico resultado das últimas eleccións municipais, man a man cos todos os compañeiros e compañeiras. Hoxe o BNG de Laxe ten un equipo consolidado que garante o mellor dos futuros e sei que ese equipo, liderado pola nosa compañeira Cristina Vázquez que, non teño ningunha dúbida, será a próxima alcaldesa e abrirá un tempo novo no noso concello”. Este paso ao lado non lle vai impedir, explicou, seguir traballando para o BNG “co mesmo empeño de sempre, man a man coas miñas compañeiras de grupo municipal e co resto do equipo, sabendo que temos un gran proxecto para mellorar este concello”.