O BNG de Laxe esixe a corrección inmediata da instalación da máquina de climatización da Biblioteca

3 minutes read

O Grupo Municipal do BNG en Laxe vén de presentar ao Pleno unha moción na que denuncia que o Concello executou a instalación dunha máquina de climatización na Biblioteca/Salón de Actos sen contar con acordo previo da comunidade de propietarios da que o propio Concello é copropietario. Trátase, segundo o BNG, dunha actuación realizada ao marxe da normativa do réxime de propiedade horizontal e que está a xerar prexuízos reais á veciñanza.

A instalación, tal e como recolle a moción, presenta deficiencias técnicas e de localización que están a afectar á habitabilidade e á seguridade das vivendas colindantes: emisións de aire a temperaturas extremas (entre 35 e 50 ºC no verán e entre 5 ºC e -5 ºC no inverno), ruído e vibracións transmitidas á estrutura do edificio, imposibilidade de apertura de fiestras por presión do caudal dos ventiladores e perforacións non autorizadas na fachada e nos cristais. Ademais, a máquina foi colocada nun espazo soterrado que limita o funcionamento correcto do sistema, provocando que o aire viciado se expulse cara ás vivendas e espazos públicos.

O BNG considera inaceptable que unha administración pública actúe deste xeito, especialmente cando é copropietaria do inmoble afectado. “Non é de recibo que o Concello non escoite á veciñanza, que non solicite os permisos obrigatorios e que condicione a corrección das afectacións ao pagamento de taxas cando a instalación é de titularidade municipal”, sinala a moción presentada por Cristina Vázquez del Prisco, 2ª portavoz do Grupo Municipal do BNG en Laxe.

A formación nacionalista rexeita tamén o contido e o enfoque do informe técnico municipal emitido sobre o asunto, que, segundo o BNG, carece de sinatura do persoal técnico competente e propón medidas insuficientes que non abordan o fondo do problema. O informe municipal, tal e como se recolle na moción, limita as actuacións a requirir acreditacións formais e a posibilidade de realizar medicións futuras, sen adoptar medidas inmediatas para protexer a veciñanza nin para reparar os danos xa causados.

Por todo iso, o BNG propón ao Pleno os seguintes acordos urxentes:

  • Recoñecer que a instalación foi executada sen acordo previo da comunidade de propietarios.
  • Rexeitar a proposta final do informe técnico municipal por considerala insuficiente e carente da sinatura técnica necesaria.
  • Non condicionar a avaliación e corrección da instalación ao pagamento de taxas nin á acreditación formal da representación veciñal cando existen indicios claros de afeccións á habitabilidade e á salubridade.
  • Encargar de oficio un informe técnico independente, completo e debidamente asinado que avalíe acústica, vibracións, impacto ambiental, estrutural e urbanístico.
  • Modificar, reubicar ou retirar a instalación se o informe constata incumprimentos normativos ou prexuízos ás vivendas e espazos comúns.
  • Restituír os elementos da fachada e das zonas comúns afectadas, asumindo o Concello os custos das actuacións realizadas sen autorización.
  • Garantir que calquera actuación futura en espazos comúns se faga previo acordo coa comunidade afectada, con transparencia e respecto á legalidade.

A portavoz do BNG en Laxe, Cristina Vázquez del Prisco, subliña que “o Concello debe actuar con dilixencia e exemplaridade. A veciñanza merece ser escoitada e protexida; non imos permitir que se normalicen actuacións que perxudican a convivencia e a seguridade das persoas”. O BNG anuncia que seguirá vixiando o proceso e que esixirá a execución das medidas necesarias para reparar os danos e evitar novas afectacións.

O Grupo Municipal do BNG pon á disposición das veciñas e veciños o seu apoio para coordinar actuacións e facilitar a presentación de alegacións, e solicita ao Goberno municipal que actúe con urxencia para restablecer a normalidade e o respecto aos dereitos da comunidade de propietarios.