O BNG de Vigo advirte que a suspensión da folga non é ‘carta branca para a impunidade’ de Vitrasa

1 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego valorou positivamente a decisión do persoal de Vitrasa de suspender a folga indefinida, iniciada o pasado 25 de novembro, pero advírtelle ao Goberno municipal de Vigo que iso non pode ser “carta branca para a impunidade” de Vitrasa.

O portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, considerou “unha boa noticia” o acordo da asemblea de traballadores e traballadoras do servizo de bus urbano da cidade que decidiron desconvocar temporalmente a folga indefinida, após 105 xornadas de paro, para iniciar unha negociación efectiva dun novo convenio. “É unha boa nova porque permite que se comece a avanzar na mellora das condicións laborais e salariais do persoal, despois de máis de tres anos de conflito e de bloqueo da negociación colectiva e tamén para normalizar o funcionamento dun servizo público esencial como é o bus urbano”.