O BNG de Vigo demanda unha asignación ‘xusta e proporcional’ de recursos para a oposición

1 minutes read

A fronte nacionalista vén de remitir un escrito ao alcalde de Vigo para instalo a un reparto equilibrado dos medios, acorde á representatividade de cada forza, que permita o labor de fiscalización e de iniciativa política.

“Diante da posición que neste momento é de bloqueo e de falla de interlocución por parte do Goberno municipal, agardamos que de cara ao vindeiro Pleno de organización, previsto para os próximos días, haxa unha rectificación que entenda que estes recursos son a garantía de poder exercermos todas as concelleiras e concelleiros os nosos dereitos fundamentais como cargos electos”, defendeu o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas.

Igrexas salientou que o labor da oposición é tan “esencial” como o do propio Goberno para o funcionamento democrático dunha institución pública como o Concello. Nese sentido, afeou que a “moi escasa disposición” do grupo de Goberno, que se limitou até o momento a facilitar de forma provisional o uso das dependencias municipais e outros asuntos menores, mais sen trasladar unha proposta para o reparto dos medios.