O BNG de Vigo denuncia verteduras de augas fecais sen depurar en Bouzas, Alcabre e Samil

1 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego denuncia os vertidos de augas fecais sen depurar rexistrados nos últimos días en Bouzas, Alcabre e Samil. A fronte nacionalista insta o Concello e Augas de Galiza (organismo dependente da Xunta) a tomar medidas para poñer fin ás reiteradas verteduras dende a rede de saneamento á Ría de Vigo.

O portavoz municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas, asegurou que todo apunta a “novos alivios” dende a Estación Depuradora de Aguas Residuais (EDAR) e das súas estacións de bombeo, coincidindo con xornadas de fortes precipitacións. Porén, alertou de que se pode deber tamén a novas incidencias no funcionamento da depuradora. “A choiva non pode ser unha escusa”, advertiu Igrexas, quen lembrou que a Directiva Marco da Auga (aprobada a nivel europeo no ano 2000) esixe a recollida separada do saneamento e das augas pluviais.

Igrexas demandou explicacións da Concellaría de Medio Ambiente e de Augas de Galiza diante destas novas verteduras, así como que actúen dunha vez para garantir a adecuada depuración das augas residuais ante os continuos episodios na Ría. Os últimos casos producíronse nas últimas xornadas nas inmediacións do paseo de Bouzas, na contorna da praia de Santa Baia en Alcabre e no areal de Samil.

“Non podemos seguir tratando a Ría de Vigo como unha gran cloaca”, defendeu o portavoz municipal do BNG. “Non ten xustificación que o desleixo do goberno de Abel Caballero e da Xunta de Rueda siga literalmente a enmerdar a nosa costa”, engadiu sobre os numerosos incumprimentos de ambas administracións á hora de impedir novas verteduras de augas fecais sen depurar no litoral vigués.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?