Diante do descontrol da situación pandémica na área sanitaria de Vigo, onde xa se superaron os 3 mil casos activos (3153) e, singularmente, na cidade olívica cunha incidencia acumulada de 400, o Bloque Nacionalista Galego urxiu a actuar para despregar medidas adicionais que contribúan a frear a transmisión do coronavirus. A fronte nacionalista demandou ao alcalde a convocatoria dunha xuntanza urxente e ampliada do Comité Municipal de Seguimento da Covid19 e reitera a proposta, formulada pola portavoz nacional, Ana Pontón, de poñer en marcha un novo confinamento.
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, advertiu de que a situación está descontrolada como reflicten os datos de evolución e o incremento da presión asistencial na cidade. Neste sentido, anunciou que se dirixirá ao alcalde para instalo a que convoque unha nova xuntanza do Comité de Seguimento Municipal pero aberto á participación dos voceiros de todas as forzas políticas con representación do Pleno. Igrexas subliñou que o Bloque leva desde o inicio da pandemia actuando desde unha total disposición á cooperación co Goberno local. “O que lle dicimos ao alcalde é que poña data, hora e lugar para esa xuntanza e alí estará o BNG para contribuír en positivo con ideas e propostas, para sumar esforzos e fortalecer a capacidade de resposta da cidade diante desta terceira vaga”, afirmou.