Vigo | O BNG pide explicacións por irregularidades nas obras do túnel de Porta do Sol-Elduayen

2 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego esixe explicacións da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre as irregularidades e dúbidas xurdidas arredor da construción do túnel da Porta do Sol-Elduayen. A fronte nacionalista vén de rexistrar unha batería de preguntas no Parlamento galego para que a Xunta aclare que medidas ten adoptado para a protección do patrimonio histórico afectado polas obras do túnel en Vigo.

«Estas últimas semanas estamos observando con preocupación unha serie de actuacións de dubidosa legalidade. Queremos que Patrimonio clarifique estes aspectos e garanta que se está a cumprir de forma escrupulosa con toda a normativa», destacou a deputada do BNG no Parlamento galego, Alexandra Fernández.

Os nacionalistas apuntaron algunhas «sombras» sobre as obras que nin o Goberno galego nin o municipal teñen aclarado até o momento. Entre elas, piden explicacións sobre como vai a afectar a construción do túnel sobre o Casco Vello, catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) e sometido a unha figura de especial protección como o Pepri, que require dunha autorización expresa do organismo da Xunta. 

A deputada nacionalista sinalou que as escavacións no tramo de Elduayen non se realizaron en toda a zona afectada pola obra, polo que se descoñece como afectarían estes traballos sobre os restos dunha antiga muralla da cidade nas proximidades co Paseo de Alfonso. Cuestionou tamén que os xacementos atopados en Elduayen foran tapados con formigón por parte do Concello de Vigo, cando Patrimonio autorizara só a cubrición con terra e mallas xeotextís para que fora posíbel removela.


O futuro do antigo pasadizo dos Canos é outra das dúbidas sobre o proxecto para as que o BNG reclama explicacións da Xunta. As obras desenterraron parte deste pasadizo, mais queda por aclarar se os restos serán destruídos cando aínda se descoñece cal é a súa función e o seu valor patrimonial. «Estamos ante un cúmulo de actuacións de dubidosa legalidade que evidencian unha falta de dilixencia de Patrimonio para facer cumprir co maior respecto a normativa», remachou Fernández.