Vigo | O BNG propón comprar Povisa para a sanidade pública

1 minutes read

O BNG mantivo un encontro co comité de empresa de POVISA tras coñecerse a intención da multinacional Centene, actual propietaria do hospital, de vender o centro a outra multinacional, Vivalto Santé; venda que se produce dentro dunha operación na que tamén se inclúen os hospitais Polusa en Lugo e Juan Cardona en Ferrol.

“Esta información está xerando enorme preocupación pola constatación de que a prestación sanitaria á 130.000 persoas da Área Sanitaria de Vigo e 1.400 postos de traballo están convertidos en mercancía, negocio para multinacionais, toda vez que esta venda pretende realizarse apenas tres anos despois de que fora adquirida pola multinacional estadounidense a prezo de ganga, tras ser rescatado por 24 M€ e capitalizado con cartos públicos”, explica a portavoz parlamentaria de sanidade, Montse Prado.

Prado traslada a total oposición do BNG a esta operación que, ademais, “compromete o dereito á saúde”, e demanda do Goberno do PP que poña fin “á anomalía de ter a case a metade da poboación da área de Vigo recibindo asistencia sanitaria nun hospital privado”. En lugar de permitir a venda especulativa de POVISA, reclama, “póñanse a traballar para mercar este centro e integralo na rede sanitaria pública e poñer en marcha toda as actuacións necesarias para que a totalidade da poboación da área sanitaria de Vigo reciba atención na sanidade pública”, alega.