O BNG de Vigo propón un ‘Plan’ para poñer fin ao ‘abandono de barrios e parroquias’

1 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego propón un ‘Plan Cidade’ dotado con mínimo 50 millóns de euros para poñer fin ao abandono dos barrios e parroquias de Vigo. Esta é unha das 7 medidas que a fronte nacionalista trasladará ao Pleno municipal de setembro, previsto para o vindeiro luns, nunha moción que ten por obxectivo que se atendan as necesidades de toda a cidade e promover a participación veciñal na toma de decisións.

Entre as propostas do BNG, Igrexas destacou a posta en marcha dun ‘Plan Cidade’, un programa de investimentos para os vindeiros tres exercicios, financiado con como mínimo 50 millóns de euros con cargo aos remanentes municipais, que conte coa participación directa do movemento veciñal na súa definición.

Ademais, o Bloque propón crear Consellos Veciñais de Barrio e Parroquia, espazos que permitan descentralizar a xestión e a toma de decisións do Concello, en particular dos investimentos necesarios en cada barrio e parroquia. Nesa mesma liña, Igrexas reiterou a necesidade de que Vigo conte cun sistema de orzamentos participativos como medida para rematar cos numerosos déficits dotacionais e de servizos.

Dende a fronte nacionalista demandaron tamén a creación de brigadas municipais que permitan unha atención “áxil” das necesidades de mantemento que presentan numerosos espazos públicos. Unha iniciativa que persegue tamén un mellor control das empresas concesionarias e contratas municipais.

Fronte ás represalias que sofren as entidades que discrepan coa xestión municipal, o BNG urxiu a normalización da relación institucional do Goberno de Abel Caballero con todas as entidades do movemento veciñal, garantindo canles fluídas de colaboración para escoitar e atender as demandas e reivindicacións das entidades e colectivos da cidade.