O Bloque Nacionalista Galego reivindica o Museo de Arte Contemporánea de Vigo, MARCO, coincidindo co seu vinte aniversario fronte a política de desertización cultural da última década na cidade.
O concelleiro e candidato á alcaldía do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, acompañado por integrantes da Comisión de Cultura da fronte nacionalista, realizou unha visita á exposición “O antropomórfico” do escultor Francisco Leiro, autor de pezas emblemáticas na cidade como “O Sereo” ou os “Bañistas do Areal”.
Igrexas puxo en valor os vinte anos de andaina do MARCO que, lembrou, abriu as súas portas baixo unha alcaldía do BNG no 2002, e contrapuxo a aposta cultural que o fixo nacer co “continuado desmantelamento e devalar” que definen, segundo o edil, as políticas municipais na última década.
Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista afirmou que “exposicións magníficas como a de Francisco Leiro, á que animo a toda a cidadanía a visitar, son o camiño para reverter a xestión desastrosa do Goberno municipal de Abel Caballero, que mesmo tencionou enterrar o proxecto museístico do MARCO, e que provocou que desde 2011 o MARCO reducise en máis dun 70% o número de visitantes”.
Desde o BNG defenden o carácter “estratéxico” da política cultural para “humanizar de verdade a cidade”, e reiteran a necesidade dunha viraxe das políticas municipais para revitalizar e impulsar a Rede Museística de Vigo co MARCO como o seu “buque insignia”.