O Bloque Nacionalista Galego volveu urxir a Xunta de Galicia a intervir de maneira inmediata as residencias de maiores, en resposta ao grave aumento de casos de contaxio por coronavirus rexistrado nos últimos días na cidade de Vigo.
“Neste momento temos 46 residentes contaxiadas e contaxiados, aos que hai que engadir outros 18 positivos entre o persoal” explicou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, quen apuntou que estes casos afectan fundamentalmente á residencia privada Ballesol mais tamén á residencia asistida do Meixoeiro (CPRAD 2).
Desde a fronte nacionalista critican con dureza a “total inacción” da Xunta diante da situación que se está a producir e que era previsíbel con base na experiencia dos meses de marzo e abril.