A fronte nacionalista da cidade de Vigo anuncia emendas ao proxecto de contas do Goberno español polos “insuficientes” investimentos previstos na cidade, como o aprazamento da conexión de alta velocidade con Porto, a Biblioteca do Estado ou a variante de Cerdedo, así como pola falla de partidas para a mellora do tramo da AP-9 en Teis, entre outros.
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo considera “insultante” o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado (OXE) para 2023 presentado polo Goberno español polas “insuficientes” partidas para a cidade, que postergan e ignoran importantes investimentos pendentes. A fronte nacionalista destaca entre outras carencias a falla de compromisos para a posta en marcha da estratéxica saída sur ferroviaria con Porto. Xabier P. Igrexas considerou “especialmente grave” a escasa aportación estatal en materia de infraestruturas e mobilidade, polo que anunciou a presentación dunha batería de emendas para aumentar os investimentos.
Así, tachou de “afrenta” a Vigo que a anunciada conexión de alta velocidade con Portugal, cunha partida de menos de 30 mil euros no proxecto, volva quedar fóra das prioridades. “Con estes orzamentos o Goberno español de PSOE e Unidas Podemos di claramente que non quere facer realidade a saída sur”, que contrastou co firme compromiso amosado polo Goberno portugués para desenvolver esta conexión.
Tamén en materia ferroviaria, o candidato nacionalista valorou como “cosmético” o investimento para a variante de Cerdedo, que representa un 0,02% do custo total desta infraestrutura para a conexión directa de alta velocidade de Vigo coa Meseta. Sobre a Biblioteca do Estado en Vigo, o concelleiro do BNG considerou insuficiente o aprovisionamento de 100 mil euros, que supoñen postergar esta dotación anunciada de forma reiterada desde 2007.